Presentación do modelo económico de LarLilás

 

Obradoiro Penumbra

O xoves día 30 de marzo a presidenta de LarLilás, Nieves R. Brisaboa, presentará o modelo económico da Asociación LarLilás. Unha asociación, como sabedes, sen ánimo de lucro que pretende levar a cabo un proxecto de vivendas colaborativas para un envellecemento activo.

A presentación será ás 19h. na aula 3.2 da Facultade de Informática da Universidade de A Coruña. Comezará cunha breve descrición dos aspectos máis globais do proxecto para despois deterse máis amodo nos aspectos económicos en que se ancora LarLilás.

É unha boa oportunidade de coñecer ben este aspecto fundamental, polo que vos animamos a asistir.

Aquí tedes a localización e o modo de chegar.

Nova actividade de difusión de LarLilás en A Coruña

 

 


O vindeiro luns 27 de febreiro, ás 18:30, a Presidenta da Asociación LarLilás, Nieves Rodríguez Brisaboa impartirá unha conferencia sobre "As vivendas colaborativas de maiores (cohousing senior): unha vellez diferente".

Terá lugar na Aula 1 da Universidade Sénior en Normal (Paseo de Ronda, 47, 1º) en A Coruña. 

Trátase de vivir a vellez e os coidados en situación de dependencia con dignidade e autonomía e diso falaremos. Tamén da convivencia solidaria e da filosofía do envellecemento activo así como da viabilidade económica e da adecuación psicosocial. 

Ademais de presentar LarLilás, Nieves dará a coñecer outros proxectos que se están a desenvolver no Estado español.

Animámosvos a asistir se tedes interese en vivir unha vellez activa, solidaria e autónoma que desde a experiencia e o coñecemento amplíe o horizonte doutras formas de vida tamén nesta idade.

Presentación detallada do proxecto para xente interesada

 O venres 10 de febreiro ás 18:30 h. terá lugar en A Coruña, na Facultade de Informática do Campus de Elviña, no Seminario 3.1, unha nova presentación de LarLilás. Están convidadas todas as persoas interesadas nun proxecto de envellecemento activo, de vivenda colaborativa e de coidados integrais. A súa Presidenta, Nieves R. Brisaboa, dará a coñecer o noso proxecto, ao que xa se uniron 42 persoas socias novas o pasado 28 de xaneiro nunha intensa xornada.

 

O proxecto LarLilás aséntase nun modelo de convivencia en que a autoxestión é a base do seu funcionamento democrático e participativo, conta cun ideario feminista, progresista, ecoloxista e laico rexeitando calquera discriminación por razóns de raza, procedencia ou orientación sexual. LarLilás valora a dignidade e a liberdade como fundamentos da felicidade, así como a defensa e o respecto a unha morte digna.