Revirada, revista feminista, convídanos a falar de LarLilás


Revirada, revista feminista convídanos a falar de LarLilás nun Cafezinho Revirado on-line. Será o día 20 de xullo ás 12.00 nunha conversa telemática aberta á participación.

Na conversa presentaremos LarLilás e explicaremos o proceso de desenvolvemento deste proxecto de creación dunha comunidade de maiores cun modelo de atención integral e coidados centrado nas persoas, que poda garantir un final da vida en condicións de dignidade.

Afastado  de calquera interese mercantilista, LarLilás susténtase nun ideario feminista, progresista, ecoloxista e laico e a consideración prioritaria da dignidade e a liberdade persoal como elementos fundamentais para unha vida feliz

Entendemos a vellez como un período de vida tan importante coma calquera outro e queremos poder decidir como vivila e como ser coidadas e atendidas en casos de dependencia e enfermidade. Por iso e porque seguimos acreditando a calquera idade na procura de formas de vida diferentes, igualitarias, autónomas e solidarias poñemos en marcha este proxecto.

Queremos procurar unha solución colectiva e autoxestionada para vivir con independencia e autonomía a vellez, mais tamén co apoio e compañía que precisemos. 

A conversa aberta á participación formará parte dos contidos do número 10 de Revirada, revista feminista titulado "Velhice ou barbárie".


Participación de LarLilás no Laboratorio de Emprendemento Social e Solidario

O pasado día 27 de xuño LarLilás participou en Carballo como relatora, xunto a outras dúas iniciativas, co tema 'Mostra de experiencias no ámbito dos coidados' no Laboratorio de Emprendemento Social e Solidario. Unha iniciativa que nace da colaboración entre o Concello de Carballo e Reas Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia). Foi a primeira experiencia do Laboratorio cos obxectivos de "promover o emprendemento baixo os principios e o modelo da economía social e solidaria, tendo en conta a sustentabilidade ambiental, a defensa da equidade nas relacións económicas, a busca da cooperación, a ausencia de ánimo de lucro e o compromiso coa contorna", en palabras da Concellaría de Promoción Económica do Concello.

Partillamos mesa e relatos con Loli Fernández García, que falou de Aspaber, unha asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños e un Centro Especial de Emprego que desde o ano 2000 ofrece servizos de limpeza, de xestión de puntos limpos, de xardinaría e outros dando emprego a asociadas e asociados na comarca de Bergantiños.

Outra das relatoras da mesa foi Natali Asorey, quen explicou o Proxecto Colaxe: un grupo de profesionais que crea, xestiona e promove actividades socioculturais, musicais, educativas e ambientais na Costa da Morte. Teñen en marcha un proxecto de atención sociosanitaria de persoas maiores baseada na creación pequenos 'Centros de día' por toda a Costa da Morte.

 Iniciativas moi interesantes que nos ensinaron algúns aspectos importantes  a ter en conta para o noso proxecto de LarLilás.