I ENCONTRO LARLILÁS

 

O proxecto de LarLilás vai tomando forma. Despois de semanas de actividades e iniciativas, o pasado sábado día 19 de novembro celebramos en Abegondo o I Encontro LarLilás no que ademais de coñecernos, ver un terreo posible para desenvolver o proxecto e gozar dun xantar en compañía, comezamos a perfilar e concretar pasos e procedementos para asociarnos.


No Encontro en que nos xuntamos máis de 40 persoas lembramos as accións que estamos desenvolvendo no proceso de consolidación de LarLilás, así como as novidades tanto no que respecta á lexislación recente que nos afecta como aos resultados da procura de localizacións

 

Un dos terreos posibles visitámolo nesa mañá: máis de 30.000 m2 no concello de Abegondo nunha parcela que percorremos na súa contorna. Visitamos tamén o espazo co que linda, unha antiga casa de indianos co seu xardín que se rehabilitará para uso cultural. Unha excursión ao encoro de Beche e o xantar na Casa das Veigas en Sarandós pecharon a actividade lúdica da mañá.


Xa pola tarde, despois dunha doce sobremesa de orellas e filloas reunímonos nunha xuntanza informativa na que se presentaron os terreos atopados ata o momento e as características e situación de cada un, o de Abegondo que visitamos ese mesmo día e outro terreo en Miño. Seguiremos traballando na localización doutras alternativas para escoller entre todas o que será o espazo de LarLilás, sen dúbida unha decisión moi importante que tomarán as persoas que estean asociadas. Outro dos puntos da xuntanza foi o cambio lexislativo que supón para o noso proxecto a Orde do 10/10/22 da Consellaría de Política Social e Xuventude que establece que un dos tipos de centros para a atención a maiores son as Vivendas Colaborativas, o que vai facilitar o desenvolvemento de LarLilás respecto da preceptiva licencia urbanística e tamén mantérmonos como Asociación sen ánimo de lucro. Detivémonos finalmente no procedemento para asociarse. Ábrese xa o proceso para incorporarse como persoa socia de LarLilás, o que será imprescindible para poder empezar a tomar decisións nunha asemblea xeral que se celebrará nas últimas semanas deste ano ou primeiras de 2023. E hai moito que decidir.


 

E mentres camiñabamos, tomabamos unha cervexa ou observamos a auga de Beche tivemos tamén ocasión de imaxinar o futuro: as actividades culturais que imos organizar, as festas, o pub de LarLilás, as camiñadas de marcha nórdica, a emisora e as sesións de baile... e tamén claro conversabamos sobre autonomía persoal, vivendas nas que cada quen goberna a súa vida e mesmo espazos para o silencio. E mentres houbo mesmo quen recolleu cogumelos nas beiras do camiño. Chovía pero non nos mollamos.

 

Por certo que tanto en A Coruña como en Compostela teremos reunións periódicas para que todas as persoas interesadas podan ir coñecendo detalles do proxecto LarLilás. Se é o teu caso agardámoste. Ponte en contacto con nós a través do correo electrónico: olarlilas@gmail.com


Isto vai tomando forma!

 



LARLILÁS no Seminario 'XENTES, ESPAZOS E LUGARES' do COAG

Imaxe do Seminario

 

Larlilás participa na 2ª edición do Seminario do Proxecto Terra que organiza o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

O Seminario Xentes, Espazos, Lugares. A construción colectiva do Habitar achega unha reflexión sobre as formas de habitar o territorio, incorporando miradas e situacións diversas para abordar a temática de habitar desde o colectivo.

Ao longo de tres xornadas preséntanse experiencias inspiradoras e innovadoras, que poñen sobre a mesa as diferentes miradas e críticas á situación actual e o modelo social que define os xeitos de habitar. Larlilás foi convidada polo COAG para presentar o seu proxecto na sesión sobre Modelos alternativos para habitar en colectividade na que tamén participan Arquitectura Sen Fronteiras e La Morada Coop.

O acto, de entrada libre, desenvolverase o 24 de novembro as 18.00 no Museo de Belas Artes de A Coruña, na rúa Zalaeta Nº 2.

Retransmisión en directo na canle de youtube do COAG, á que podedes acceder desde a seguinte ligazón: Portal de COAG.